miércoles, 23 de abril de 2008

Reunión en Abegondo

O Consorcio do Camiño Inglés celebra a súa primeira reunión baixo a presidencia do Concello de Abegondo
A xuntanza tivo lugar esta mañá en Abegondo.
Juan José Rocha asume a presidencia e María Faraldo a vicepresidencia

Abegondo, 23 de abril de 2008.- O Concello de Abegondo informa de que hoxe ás 12.00 da mañá tivo lugar a primeira reunión do Consorcio do Camiño Inglés baixo a presidencia do alcalde de Abegondo, Juan José Rocha. Na reunión estiveron presentes a alcaldesa de Betanzos, María Faraldo, que asume a vicepresidencia, o alcalde de Paderne, César Longo, o alcalde de Pontedeume, Gabriel Torrente, o alcalde de Cabanas, Germán Castrillón, o alcalde de Neda, Ignacio Cabezón, o alcalde de Oroso, José Manuel Mirás, e concelleiros e técnicos destes concellos e tamén de Mesía, Carral, Culleredo, Narón, Cambre, Miño, Ordes e Santiago de Compostela. Na reunión tamén estiveron presentes o concelleiro responsable de Turismo e mais de Urbanismo de Abegondo, Víctor Meizoso e Manuel Fernández, respectivamente.


O presidente do Consorcio informou de que xa mantivo encontros coa Dirección Xeral de Turismo, coa Delegación do Goberno e mais con xerente do Plan Xacobeo, nos que Rocha puxo enriba da mesa destes departamentos a necesidade de coordinar esforzos e sacar adiante proxectos para a promoción desta vía cultural e relixiosa de peregrinación a Santiago.

Outros dos puntos que se tratou foi a necesidade de coñecer a disposición dos concellos integrantes de dotar o camiño de albergues; neste sentido a alcaldesa de Betanzos, María Faraldo, sinalou que Betanzos xa está traballando no acondicionamento dun edificio no casco histórico para destinalo a albergue de peregrinos. O representante de Carral tamén sinalou que desde o concello xa se está a traballar no proxecto de construción doutro albergue.

Durante a reunión, o secretario técnico do Consorcio do Camiño Inglés, Manuel Pérez Grueiro, presentoulles aos asistentes unha credencial, a modo de guía, do Camiño Inglés, da que se van editar uns 10.000 exemplares que se repartirán entre todos os concellos adscritos ao Consorcio. Segundo Grueiro, esta credencial para peregrinos vai estar á disposición dos concellos no prazo dun mes e medio. Grueiro tamén apuntou a idea de propoñer que o congreso internacional sobre o camiño que se leva a cabo anualmente se celebre na Coruña, e citou como antecedentes os congresos deste tipo, como o celebrado hai anos en Ferrol, e que foron financiados polos Plan Xacobeo.

Rocha informou tamén os asistentes das conversas que mantivo coa subdirectora xeral de Patrimonio, nas que a responsable deste departamento indicoulle que nuns días sairá publicado no Diario Oficial de Galicia a adxudicación dos traballos para a delimitación xeográfica do Camiño Inglés. Segundo as previsións de Patrimonio o prazo de exposición pública dos traballos será no primeiro semestre do ano que vén.

Durante a xuntanza tamén se informou sobre a composición do equipo xestor do Consorcio baixo a presidencia de Juan José Rocha, e que vai estar integrado pola concelleira de Promoción Económica, Cultura e Xuventude, Fátima Insua, pola técnica de Cultura do Concello de Abegondo, Mar Carro, a técnica Beatriz Fernández e o responsable de comunicación de Abegondo, Francisco Martínez . Os representantes municipais manifestaron a necesidade de que o Concello da Coruña estea presente no Consorcio do Camiño Inglés. Neste sentido Rocha indicou que A Coruña fora invitada formalmente pero desculpou a súa ausencia.

A técnica de Cultura informou da creación dun blog www.caminoingles.blogspot.com que servirá para poñer en contacto os responsables dos concellos integrados no Consorcio e para promocionar o Camiño na rede.